SEGUNDO CONGRESO INTERNACIONAL SOBRE
VITICULTURA DE MONTAÑA E EN FORTE PENDENTE

Monforte de Lemos, Ribeira Sacra (Galiza)
13 -15 de marzo de 2008

Foto1Foto1Foto1Foto1Foto1
inicio - programa - comité organizador - comité científico - inscrición - aloxamento - situación - contacto - novidades



Estimados participantes:

Teño o pracer de convidarvos ao 2º Congreso Internacional de Viticultura de Montaña e en forte pendente, que se celebrarána Ribeira Sacra, en Monforte de Lemos, Galiza, do 13 ao 15 de marzo de 2008.

O Congreso está organizado polo CERVIM, co patrocinio da O.I.V., en colaboración coa Xunta de Galiza e do Consello Regulador da D.O. Ribeira Sacra.

O CERVIM (Centro de Investigación, Estudo, Salvagarda, Coordinación e Valorización da Viticultura de Montaña) é un organismo internacional, creado co patrocinio da O.I.V., a Organización Internacional da Viña e o Viño.

O Centro, que ten a súa sede no Val d’Aosta (Italia), funciona desde finais dos anos 80 e persegue os seguintes obxectivos:

  • salvagardar, apoiar, valorar e promover a viticultura de montaña ou en condicións orográficas difíciles (fortes pendentes e terrazas), ameazada polo abandono a causa das características do territorio e dos elevados custos de produción;
  • promover iniciativas técnicas, científicas, culturais e de promoción propias da viticultura de montaña, incluída a organización dun Concurso Enolóxico en torno aos viños de montaña;
  • valorizar a calidade dos viños de montaña, desenvolvendo a investigación, a innovación tecnolóxica e a divulgación dos coñecementos adquiridos;
    ofrecerse como organismo de coordinación da viticultura de montaña ás entidades e institucións que traballan no ámbito rexional, nacional e internacional.

      O primeiro Congreso que se celebrou en Saint Vincent (Val d’Aosta) superou as nosas expectativas tanto en termos numéricos como en calidade dos participantes. O noso obxectivo, o de manter un debate recíproco e enriquecedor sobre os diferentes problemas da viticultura de montaña e en forte pendente, permanece inalterado; de feito, para o segundo día do programa organizouse unha visita técnica. O sábado 15 de marzo van participar na reunión políticos, estudosos e técnicos do sector.


Galiza, meta do camiño de Santiago, que axudou aos diversos países de Europa a unirse desde o Medievo, a finis terrae de Europa, é unha terra única e chea de evocadoras paisaxes entre as que se contan as da Ribeira Sacra. Coa esperanza de que nos atopemos nesta terra tan especial, recibide un cordial saúdo,


O Presidente do CERVIM
Francesco Stevenin

 

 





Estimados participantes:

Galiza é un importante País produtor de viño e doutros produtos relacionados coas viñas como as augardentes. E dentro de Galiza cobra especial relevancia a produción nas zonas de montaña e en forte pendente, que de feito abranguen parte de tres das cinco zonas xeográficas galegas de produción vitivinícola amparadas por Denominacións de Orixe, que son Valdeorras, Ribeira Sacra e unha pequena parte no Ribeiro.

Comprenden paisaxes de montaña espectaculares, que impresionan pola súa beleza pero tamén pola tremenda dificultade que supón conseguir arrincarlle á terra viños e augardentes de tanta calidade como os que efectivamente producen os nosos viticultores e viticultoras, recoñecidos xa a nivel mundial.

É por isto polo que me sinto especialmente satisfeito de que Monforte de Lemos acolla o II Congreso Internacional de Viticultura de Montaña e en forte pendente, que se celebra do 13 ao 15 de marzo de 2008 promovido polo Centro de Investigación, Estudo, Salvagarda, Coordinación e Valorización da Viticultura de Montaña, CERVIM, en colaboración da Consellaría do Medio Rural da Xunta de Galiza e baixo o patrocinio da O.I.V., a Organización Internacional da Viña e o Viño.

O Congreso vai reunir nas históricas terras de Lemos un importante grupo de expertos de toda Europa, que analizarán a historia e o futuro destas áreas de produción, así como as mellores fórmulas para poñer en valor a viticultura de montaña nos seus aspectos histórico-culturais, técnicos, paisaxísticos e económicos.

A todos os participantes neste II Congreso Internacional deséxolles que gocen da súa estancia en Galiza, e que as achegas e investigacións que se expoñan neste encontro lles sexan de utilidade para seguir traballando a favor destas zonas de produción.

 

Alfredo Suárez Canal
Conselleiro do Medio Rural

   
Co patrocinio de:
Colaboran: