<%@LANGUAGE="JAVASCRIPT" CODEPAGE="1252"%> Congreso Internacional Rudesindus
inicio - benvida - programa - inscrición - comunicacións libres - aloxamento - contacto




A Consellería de Innovación e Industria, a través da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, neste ano 2007 de celebración do MC aniversario do nacemento do célebre bispo Rudesindus −San Rosendo a partir do século XII−, en estreita colaboración coas dioceses galegas de Mondoñedo-Ferrol e Ourense, o Concello de Celanova, o Museo Municipal “Abade Pedrosa” de Santo Tirso, e as Universidades de Vigo e Santiago de Compostela, deseñou o proxecto Rudesindus, que abrangue tres exposicións –Mondoñedo, Santiago de Compostela e Celanova– e o Congreso Internacional “San Rosendo. O seu tempo e o seu legado”.

Este congreso desenvólvese en catro xornadas e ten como sedes as vilas galegas de Mondoñedo e Celanova e a portuguesa de Santo Tirso, todas elas vinculadas directamente coa figura de Rudesindus. Coas achegas de prestixiosos investigadores de distintas universidades internacionais faise un percorrido pola Galiza do século X, o padroado de Mondoñedo, a pegada de san Rosendo en Portugal e o seu legado.

A través das variadas intervencións tentarase facer unha aproximación a esta insigne figura galega altomedieval, atendendo ás súas distintas facetas e á súa influencia. As conferencias e mesmo as comunicacións pretenden, mediante a confrontación de ideas, proporcionarlles a todos aqueles que acudan a esta cita unha visión non só da figura deste persoeiro senón tamén das artes, a demografía, a Igrexa, as relacións co islam, etc. nesta difícil época.

Por outra banda, a Consellería de Innovación e Industria pretende con estes actos presentar unha oferta turística galega de calidade, amosando o potencial do patrimonio cultural e natural que vilas como, neste caso, Mondoñedo e Celanova poden ter para os posibles visitantes ao noso país.


Fernando X. Blanco Álvarez
Conselleiro de Innovación e Industria


   Colaboran: